Friday 29 de March de 2024

O acto das Letras Galegas en San Sadurniño acollerá tamén a presentación da mostra “Inventario” de Melania Freire e do programa do XXVII Festival do Río Castro


Domingo 15 de maio, 18:00h, praza do antigo Concello

A celebración das Letras Galegas en San Sadurniño está posta para a tarde deste domingo 15 de maio a partir das 18:00h na praza do antigo Concello -ou na Casa da Cultura se chovese- cun acto do que xa falamos hai uns días no que participarán as escolas municipais de música tradicional, Bucanero Teatro e tamén varias persoas que lerán algúns dos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, o homenaxeado deste ano. Porén, no programa acaban de entrar dúas propostas máis. Unha delas será a presentación por parte de Melania Freire da súa exposición “Inventario”, que poderá visitarse desde luns na Casa do Concello. A outra novidade do acto central do 17 de Maio é a presentación do XXVII Festival do Río Castro que vai ter lugar, tras dous anos interrompido, o sábado 2 de xullo no lugar da Bóla, en Naraío.

A fotógrafa e deseñadora de moda luguesa Melania Freire leva varios anos poñendo en valor as prendas tradicionais vinculándoas coa historia das mulleres que algunha vez as levaron postas. Cultura e sentimento persoal danse a man nunha exposición de imaxes na que non só se representa roupa, senón tamén obxectos cotiáns que gardan un significado especial.

Neste sentido, “Inventario” é un arquivo visual en constante crecemento que clasifica e actualiza elementos culturais comúns -panos, cobertores, mantas, cestos, etc.-, recreando así “anacos da memoria”, segundo dí a artista, “no límite entre as diferentes culturas que cohabitan en nós”.

A mostra tomará o relevo da exposición sobre a bandeira galega instalándose na tarde do domingo na galería da casa consistorial e, de feito, a propia Freire participará no evento das Letras Galegas que comezará ás 18:00h na praza do antigo Concello facendo unha pequena introdución tanto á mostra como ás actividades que leva asociadas.

“Inventario” poderá visitarse a partir do luns 16 nos horarios de atención ao público nas dependencias municipais, de luns a venres -agás festivos- das 8:30 ás 14:30h.

Presentación do Festival do Río Castro
Ademais da presentación da exposición de Melania Freire, a Concellaría de Cultura tamén lle propuxo á asociación veciñal O Castelo de Narahío aproveitar a cita para avanzar a programación do XXVII Festival do Río Castro, que volve tras dous anos de parón.

O festival terá lugar na Bóla, á beira do río, o día 2 de xullo, respectando a súa data de celebración que cae sempre no primeiro sábado de xullo.

Desde a entidade informan que o contido completo do festival se dará a coñecer este domingo, aínda que tamén confirman que a súa estrutura se manterá invariable con respecto a edicións anteriores e que incluso se recuperará boa parte do programa de actuacións confirmadas para a edición de 2020 que finalmente non puido celebrarse.